Aldeaverde PDF Imprimir Correo-e

AldeaverdeProxecto "Aldeaverde" - A EIRA DA XOANA

Ramsés Pérez Coordenador de Programas de Educación Ambiental de ADEGA

Promover accións educativas e socioculturais que permitan a participación das persoas maiores e dos adultos en xeral na recuperación e preservación do patrimonio cultural e das tradicións coherentes coa idea do desenvolvento sostible.

Recomendación da Estratexía de Educación Ambiental en Galiza.

 

ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) ven de botar a andar un proxecto de educación e recuperación do patrimonio ambiental co nome de Aldeaverde. A iniciativa pretende crear un Centro de Educación Ambiental e do Patrimonio Cultural -A EIRA DA XOANA- e ser un espazo de achegamento ao mundo rural e as súas particularidades atendendo a diversidade deste, tomando o Alto Ulla como exemplo do medio rural e das súas posibilidades de futuro.

Na foto, o caracol de Quimper (Elona quimperiana), unha especie en perigo de extinción presente na comarca, símbolo da Eira da Xoana, que pretendemos recuperar e divulgar.

O Alto Ulla como exemplo do medio rural galego

AldeaverdeA Ulloa é unha comarca que ten sufrido un importante éxodo e unha das súas características máis salientabeis é ser un territorio que en boa medida conserva a paisaxe e as costumes rurais (aínda que xa con síntomas de deterioro evidentes). A elección deste território para desenvolver este proxecto responde tamén a experiencia de traballo previo que membros de ADEGA teñen realizado na zona, tanto en proxectos de educación e equipamentos de educación ambiental como en iniciativas de dinamización cultural ou en procesos de defensa do territorio ou de recuperación de oficios tradicionais.

Galiza acolle trinta mil das sesenta mil entidades de poboación do estado español, unha dispersión do territorio que atinxe prácticamente a todo o país. Poderiamos dicer que o medio natural ou a denominada "Galiza Natural" apenas existe ou se reduce a un poucos espazos de difícil acceso; acantilados costeiros, canóns de rios, uns poucos curutos de montes e pouco máis. Ao falar do medio en Galiza deberiamos facelo referindonos a un espazo cultural ou a un medio natural humanizado. Porén, ao centrarnos no medio ambiente en Galiza este aspecto apenas se aborda e así cando se fala de carballeiras, soutos, etc, semella que sempre estiveron ahí, que son naturais e poucas veces se incide en quen plantou esas árbores ou para que se plantaron, os seus usos, mantenemento, etc.

O medio rural atinxe o 80% do territorio europeo e a forte perda da poboación non supón ambientalmente un beneficio. De feito, e ao contrario do que se poida pensar, o abandono rural non está a significar unha naturalización do territorio, senon que pola contra incide no aumento de incendios, perda de biodiversidade natural, etc. Socialmente a perda de recursos e ingresos dificulta o mantemento dos servizos públicos o que a súa vez implica a emigración da mocidade, etc. Un medio rural vivo é o garante hoxe en día dunha grande parte da nosa biodiversidade como se apunta dende numerosos organismos o que pasa a súa vez polo mantenemento da poboación rural.

AldeaverdeA falta de referentes ao equilíbrio dinámico que durante séculos existiu entre as persoas e o medio debería estar presente nas actividades que se realizan no medio e ser divulgadas na cidadanía, así como poñer en valor esa xestión eficaz na actual crise ecolóxica. O medio rural extínguese debido a unha multitude de causas e con ela pérdese un modelo de xestión do médio, que coas suas eivas, foi quen de acadar un equilibrio que hoxe chamariamos desenvolvemento sustentábel.

A EIRA DA XOANA

Esta visión do medio fixo que ADEGA se sitúe na perspectiva dun ecoloxismo-social que estuda, demanda e denuncia pero tamén propón e e divulga (Educación Ambiental). Exemplo disto son diversos programas de educación ambiental que toman como modelo o sistema de xestión rural e que aportan ideas que melloran a problemáticas específicas do rural (o programa de compostaxe caseira, programa de creación de zonas húmidas para a depuración especialmente indicadas para pequenos núcleos de poboación e vivendas illadas, ecoloxía cotián no rural, etc).

AldeaverdeADEGA pretende construír un Centro de Educación Ambiental e Patrimonial -A EIRA DA XOANA- que dende o medio rural e para o medio rural achegue a cidadanía galega á cultura e o bon facer das nosas tradicións, retomando e divulgando os aspectos que fixeron que esta cultura fora sustentábel durantes séculos así como aportar ideas novas que melloren a situación do rural.

Pretendemos que A EIRA DA XOANA sexa un referente no país pola sua calidade (humana, traballo, proxecto, coherencia, ...) e que sexa un motor de desenvolvemento para a comarca, dinamizadora do ecoloxismo, asociacionismo local, etc.

Plano de traballo

O Proxecto Aldeaverde terá duas liñas de actuación; por unha banda a investigación sobre as prácticas tradicionais sustentábeis e pola outra o fomento e divulgación destas prácticas ambientais como exemplo de sustentabilidade. As prácticas recollidas pasarán a ser un reservorio de ideas para aplicar á crecente problemática ambiental. Neste traballo de investigación e recuperación de prácticas tradicionais preténdese integrar como suxeitos primordiais a poboación local. Na outra vertente do proxecto a divulgación ADEGA pretende crear unha equipa multidisciplinar formada por persoal da asociación así como por poboación da comarca.

AldeaverdeNesta primeira fase ADEGA partirá da sua experiencia no ámbito dos residuos e a auga para facer que o centro sexa un modelo na xestión dos residuos (facendo fincapé na recuperación da tradicional esterqueira e dandolle o tratamento axeitado aos residuos restantes) así como un exemplo no tratamento de augas residuais, mediante a construcion dunha depuradora baseada na tecnoloxía de humedais, sistema desentralizado e de baixo custo, tratamento axeitado para pequenos núcleos, así como para casa illadas. Tamén realizarase unha reutilización das augas grises e de chuvia.

A hora de rehabilitar a casa seguiranse igualmente criterios de sustentabilidade, tanto no deseño do equipamento como nos criterios de eficiencia enerxética (mediante sistemas pasivos ou a instalacións de placas solares). Empregáranse na medida do posibel materias locais.

AldeaverdeA EIRA DA XOANA vai ser empregada como un equipamento de educación ambiental, que poida ser visitado durante todo o ano e que será o referente para ADEGA no ámbito da Educación Ambiental ao establecerse como sede dos distintos proxectos que se están a levar adiante na actualidade (Proxecto Ríos, Compostaxe caseira, Fogares Verdes, obradoiros con mulleres do medio rural).

Para o desenvolvemento do proxecto (equipo educativo, mantemento, etc) ADEGA contará con persoal especializado así como coa participación dos veciños da zona, mantendo a posibilidade de realizar cursos monográficos na comarca dos que poidan sair persoal que traballe no equipamento (cociña, educación ambiental, productos da terra, etc). Así mesmo se traballará dun xeito activo nos proxectos dinamizadores que xa están funcioando na comarca (Proxectos de Custodia do territorio do Sobreiral do Arnego, Milhulloa, Balneario de Pambre, Manocomunidade de Montes Ramil-Basadroa, A Casa da Terra, etc ).

AldeaverdeA poboación local será parte activa do proxecto xa que son posuidores dunha ampla bagaxe de saberes e prácticas tradicionais sustentábeis. Dende ADEGA, entendemos que con estas actividades, poñemos en valor tanto os seus coñecementos coma a súa función na conservación do medio e da paisaxe galega.

Todas estas propostas estanse a traducir en diferentes accións que ADEGA ven realizando xa dende principios de ano. Durante os sábados ou en xornadas especiais como as Iº Xornadas de traballo de Semana Santa ou campo de traballo do verán, socios/as de ADEGA, simpatizantes así como veciños do lugar e voluntariado ambiental traballarán na rehabilitación da casa, na limpeza do terreno, na recuperación de valados e da fonte, na elaboración de roteiros, na costrucción da zona húmida, etc.

 

 
Sitio feito con Joomla! e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala.
Joomla! é software libre baixo licencia GNU/GPL.