Os fogares de O Carballiño tórnanse máis verdes PDF Imprimir Correo-e

Os Fogares verdes de O Carballiño que forman parte xa da rede galega de Fogares verdes  recibirán nestes días aos formadores ambientais que lles explicarán as particularidades do programa alén de entregarlles unha táboa para levar o control sobre o consumo eléctrico e de auga. Tamén os trinta fogares que se acolleron ao programa da Compostaxe caseira terán o primeiro asesoramento nas súas casas co fin de resolver dúbidas e comprobar que o proceso discorre de xeito.

 

Nesta primeira ocasión aos Fogares verdes se lles proporcionarán consellos e información sobre o consumo pantasma ou tamén coñecido “stand by”, aquel consumo pequeno que teñen certos aparellos eléctricos cando se manteñen enchufados á rede e que se fai evidente cando se pode ver o pilotiño de cor acceso. Por exemplo, o puntiño encarnado que queda cando apagamos a TV soamente co mando. Este baixo consumo tórnase en significativo cando son  varios os aparellos e quedan neste estado día e noite. Intentar loitar contra ese consumo innecesario pode ser tan doado como conectalos todos a unha regleta con botón de interrupción e apagalos todos a un tempo.

Asemande proporcionarase información sobre a auga no fogar. O baño é o lugar onde máis auga se consume e mesmo se pode dicir que onde máis se despilfarra. Litros e litros de auga potabilizada se gastan na cisterna do baño. Consellos por todos escoitados como pechar a billa cando estamos a enxaboarnos ou a afeitarnos, reducir o tempo da ducha, tirar pouco da cisterna… As máximas nos Fogares verdes van ser; gastar a cantidade xusta de auga, reusala cantas veces se poida e contaminala ou luxala ao mínimo.

Para axudar no aforro,  desta primeira volta entrégaselles aos Fogares verdes un perlizador para a billa, un reductor de caudal para a ducha e unha regleta con botón de interrupción. Acompañados de unha tarxeta desconto para mercar máis dispositivos de aforro nun comercio local colaborador, Precasa. Completa o kit o manual de Fogares verdes, un imán para a neveira e unha bolsa de tea do programa. As familias composteiras teñen xa nas súas casas dende abril un composteiro cedido gratuitamente e un manual.

Deste xeito o concello de O Carballiño  –dentro da programación da Axenda local 21-  aposta polo camiño acertado da redución. Redución no consumo de recursos naturais, nomeadamente auga e enerxía e diminución do lixo que vai para o contedor urbán, reciclando no propio fogar os restos orgánicos para obter un compost de calidade.

 

 
Sitio feito con Joomla! e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala.
Joomla! é software libre baixo licencia GNU/GPL.