|
O pasado martes 27 de abril tivo lugar o curso de formación adicado os sistemas de depuración naturais, no que visitamos dous humidais construídos como sistemas de depuración extensiva, natural e de baixo custo. A este curso ademais da equipa de educación ambiental de ADEGA asistiron persoas do ámbito da universidade e empresas que traballan no sector. As visitas foron guiadas por Manolo Soto, profesor da Universidade da Coruña e investigador implicado nos dous exemplos.
A primeira visita foi a EDAR de A Silvouta (Compostela), onde ADEGA e a Universidade da Coruña (UDC) coa colaboración de Aquagest e o concello de Santiago de Compostela teñen instalada unha planta piloto de carácter experimental e de estudo científico co obxectivo de demostrar a viabilidade deste tipo de tecnoloxías para o tratamento de augas residuais. Esta planta conta con un dixestor anaerobio onde chegan as augas residuais e se produce unha separación dos sólidos influentes por filtración a través do manto de lodos e de decantación no propio dixestor. O efluente do dixestor anaerobio é conducido o humidal (72 m2) dividido en dous módulos ou balsas de 6 x 6 m conectados en serie e cunha profundidade de 50 cm e 1% de pendente cara a saida. As balsas foron impermeabilizadas con dúas capas de téxtil e plástico. A primeira balsa é un humidal de fluxo subsuperficial, onde se reencheu cun groso de 50 cm de grixo de 3-12 cm de diámetro. Esta balsa está separada da seguinte mediante un zócalo de solo de 50 cm, de maneira que o efluente recollido da primeira balsa pasa a segunda balsa, que funciona mediante un sistema de fluxo superficial e que se reencheu con 30 cm de solo. As zonas de carga e captación das balsas, nun largo de 50 cm e en toda a profundidade do leito, colocouse grixo groso e pedras de tamaño variable (ata 60 mm). Na plantación empregáronse plantóns de xunco da propia zona, á razón de 1 por m2. O sistema de depuración púxese en marcha no 2005, e leva 5 anos sen necesidade de mantemento, aínda non se cortaron os xuncos, de xeito que comprobamos a baixa necesidade de mantemento deste tipo de sistemas depurativos. A segunda visita foi a depuradora do Pazo de Señoráns, nas adegas "Pazo de Señoráns" (Meis), que constitúe a maior depuradora deste tipo existente hoxe en Galiza, e foi resultado dun proxecto de investigación aplicada da UDC e a empresa Biogea. Nestas instalacións tratan os efluentes derivados do proceso de elaboración de viño e da instalación hostaleira. As augas residuais pasan en primeiro lugar a un dixestor anaerobio construído mediante uns aneis de formigón prefabricados, onde os sólidos sepáranse da fase liquida mediante decantación no propio dixestor. Os efluentes residuais pasan a unha balsa de depuración vertical mediante un mecanismo hidráulico e o vertido distribúese intermitentemente por toda a superficie da balsa mediante un sistema de tubos. Esta balsa ten unha altura de 1.50 m., o leito da balsa ten un recheo de 10-20 cm de profundidade de grixo (ata 60 mm), despois segue unha capa de 70 -80 cm de area grosa e por último unha capa duns 20 cm de grava grosa. Na plantación empregouse carrizo “ framitis australis”. O efluente desta balsa de depuración vertical pasa a un sistema de balsas de fluxo superficial, dividido en tres módulos de 10 x 10m, nos dous primeiros a profundidade do grixo e de 60 cm e no último a profundidade é de 30. Na plantación empregáronse xuncos. Ata o de agora demostrouse que os sistemas de depuración natural de fluxo superficial son máis eficaces con profundidades de 60 cm, con todo as emisións de metano son maiores canta máis profundidade haxa no humidal. Na comparativa do sistema de depuración vertical con este último a superficie necesaria é 3 – 5 veces menos.
|