|
Os fogares verdes de Lalín visitan Sogama |
|
|
|
|
A tarde previa á noite de San Xoan veciños de Lalín participantes en Fogares verdes facían unha visita a Sogama acompañados pola educadora ambiental do programa e Xosé Manuel Méndez, concelleiro de medio ambiente do concello.A visita foi programada como parte das actividades formativas de Fogares verdes e en base ao interese mostrado por gran parte dos participantes en coñecer a planta transformadora de lixo.
Coñecer o destino final dos residuos que eles mesmos depositan a diario nos contentores das rúas lalinienses foi o obxetivo principal da excursión á planta de Cerceda. Alén de traballar a concienciación sobre a necesidade da redución do volume de lixo producido e a importancia dunha boa separación no fogar. Sobre as 17.30h chegabamos á Sociedade Galega de Medio Ambiente onde fomos recibidas pola responsable do departamento de comunicación de Sogama e a educadora que guiaría o percorrido pola planta. Logo das presentacións e tras unha breve charla introdutiva sobre o funcionamento de Sogama e a separación dos residuos equipámonos con chalecos reflectantes, cascos e mascarillas e comezamos a visita. Camiñamos polos diferentes departamentos; a sección de triaxe na que mulleres separan os diferentes envases para o reciclado, os laboratorios dende onde se controlan os procesos, as caldeiras que queiman o lixo, as balsas de recepción de impropios e do contido da bolsa negra –destinados a queima e obtención de enerxía eléctrica-, etc. A planta que xa se queda pequena para a grande cantidade de residuos que lles chegan de case toda Galicia por tren ou camión ten prevista unha ampliación e a construción de unha nova planta no sur de Galicia, aínda sen ubicación definitiva. A cantidade de recursos naturais que se están a desbotar ou a transformar en enerxía non renovable é moito maior do que nos podemos permitir a sociedade galega. A necesidade de apostar con enerxía pola redución e a reciclaxe da materia orgánica en forma de compost (esta fracción corresponde a máis da metade en peso da bolsa do lixo) faise urxente. Un dato, na actualidade un cidadán galego produce ao día 1,2 kg de lixo. Como punto final da visita enchemos unha enquisa de valoración e fomos agasallados con unha bolsa de material educativo da empresa (un lapis, conto para cativos, un manual de compostaxe caseira, un folleto de separación…).
|