Celebramos o día mundial da educación ambiental traballando na ed. Ambiental...todo un logro!! PDF Imprimir Correo-e

Os máis de 35 anos de actividade de ADEGA van parellos aos da historia da Educación Ambiental (EA), xa que como algo formal, apareceu en 1972 coa Declaración de Estocolmo. Foi por esas datas cando se decidiu adicar o 26 de xaneiro, como Día Mundial da Educación Ambiental, nun esforzo da comunidade internacional para a preservación e conservación do  Planeta. Porén, como sinala a SGEA, ese esforzo está en perigo porque a Educación Ambiental en Galiza e demais países está a vivir un alarmante retroceso: Brutal recorte de actividades e recursos; peche e infrautilización de equipamentos públicos; perda de peso da EA no sistema educativo; despedimentos na administración pública e desaparición de empresas; desbaldimento de recursos e falta de coordenación entre administracións... Por iso, no Día Mundial da Educación Ambiental ADEGA propón afortalar mais ca nunca,fronte á inacción da Xunta, o papel dos colectivos sociais na difusión da EA.

 

ADEGA leva a cabo os seus diversos Programas de Educación ambiental dende o ano 2000. Esta liña de actuación tense consolidado e arestora é unha das áreas prioritarias para ADEGA, con numerosos programas en diversos eidos e unha equipa de traballo adicada a deseñalos e realizalos.

A Educación Ambiental dende o ecoloxismo é unha realidade no amplo campo que ofrece esta disciplina de acción socio-educativa. No Libro Blanco de la Educación Ambiental en España (MMA:1999) recoñécese o papel que desempeña este movemento social cando se afirma que “...hai que destacar o papel das asociacións conservacionistas e ecoloxistas na xeración de conciencia e de corresponsabilidade da poboación na mellora ambiental...”.

Desde esta perspectiva, durante esta semana, en especial este xoves 26 será pois unha xornada de traballo normal para as educadoras e os educadores ambientais de ADEGA, porque entendemos que esa é a mellor maneira de celebrar o Día Mundial da Educación Ambiental. Nesta xornada realizaremos as seguintes actividades enmarcadas nos seus respectivos proxectos:

 

Programa de compostaxe
Adega realizarán as ultimas visitas do Programa de compostaxe caseira de Santiago de compostela e seguirá co seguemento da Área de compostaxe comunitaria  e individual de Poio.

Proxecto UDC
Realizarase co grupo de bolseiros da Oficina de Medio Ambiente da UDC unha inspección polo campus para localizar especies invasoras, esta inspección é un dos pasos previos para as xornadas de voluntariado ambiental na UDC que se celebrarán na universidade o día 31 de febreiro e 1 de marzo.

Proxecto ríos
Realizarase unha saída formativa no río Sarela en Santiago de Compostela cos alumnos da UNED de Ciencias Ambientais, para ensinarlles a metodoloxía e as ferramentas necesarias para realizar unha inspección de río.

Programa de educación ambiental

O CPI Monte Caxado d'As Pontes, volve participar no Programa xeral de educación ambiental nesta ocasión traballando as enerxías renovables.

 

Mais información:

Marga Miguens Busto

Responsable dos Programas de Educación Ambiental Xeral

Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo - 680 90 32 03

 

 
Sitio feito con Joomla! e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala.
Joomla! é software libre baixo licencia GNU/GPL.